11/11/2005

 

Estamos de MAGOSTOOOOO!!!!!



Xa os castiñeiros que pasaron todo o ano na soidade do monte, teñen compaña. Imos implorando e pedindo perdón por telos esquecido, subimos a esas ladeiras buscando o seu froito. Xa chegou o décimo mes, pois estes teñen o seu parto, rebasado outubro, e dos seus úteros saen esas alegres trillizas que caen brincando polo chan conformando unha choiva simpática, que son as pequerrechas castañas que quedan sementando ese chan. Logo, lentamente, para cubrir a súa espides, vai o castiñeiro deixando caer o seu veste, esas follas que serán como unha suave man aveludada, por iso, antes de tapalos temos que ir polas castañas.
Quedamos coas castañas na casa, agora imos facer o magosto, festa tradicional e por Trazo témolos dende San Martiño, durante eses once días é frecuente asistir a este tipo de festas gastronómicas. Hai o magosto familiar, a reunión dos membros da casa xunto esa lareira para degustar froitos secos, as castañas. Elas torrándose e estoupando na cociña mentres nós falamos e falamos sen parar. Os xerros do viño esperan na mesa, e cando o encargado da preparación considere que están, sácaas e colócaas no centro e todos ao carón delas empezamos a coller tisnando os dedos e queimando os beizos, pois as castañas, coma as mentiras, están quentes. Viño, parolas, historias e contos-verdades.
Fóra está petando, como can rabioso, o fero vento, e xa caen folerpas de neve.
Vai frío e por iso hai que quentar a barriga e ter a luz acesa, esta fogata para espantar os lobos que queren entrar.
Tamén temos en todas as aldeas, o magosto público. Nunha paza ou zona axeitada para xuntarse farase a fogueira e no cacho irán asando máis e máis castañas mentres outros abren o viño, e xerro a xerro, a xente de Trazo imos pasando as horas. Cando o estómago está quente e a cabeza está alegre, empeza a soar esa música da orquestra, ou dalgún da parroquia que se anima. Non manchamos as nosas caras, pero os nosos dedos parecen tizóns, e as nosas fazulas parecen brasas acesas polo viño.
É unha festa comunitaria, de tribo familiar e veciñal, unha busca de calor social, un encontro onde a natureza, representada castañas e no viño está en contacto directo co home e no medo, o lume vivificador que parece que alonga o día, espantar os fantasmas da Santa Compaña, esquecer que estamos no mes de novembro, un mes de tristura, un mes de mortos onde os vivos fan estas comidas tan naturais, e rodean de amigos esa casa, esa aldea, para recordarlle á morte maldita que estamos vivos, que somos chamas de vida pero, pasados unhas horas, acabouse o magosto, e todo é cinza, pero volverá outro ano, e coma sempre, dicimos: De hoxe a un ano! E volverá un novo magosto, unha chamarada deste outono que sempre estará acesa aínda que nós esteamos xa apagados.
Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto;
non chas quero, non chas quero,
que me cheiran a chamosco.
Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas,
para comer coas mozas
catro castañas asadas.

Comments:
JEJE FACEMOS BOTELLÓN PARA CELEBRAR O VOSO ÉXITO?XA IAN SENDO HORAS DE QUE ALGUÉN FIXESE ALGO POLA NOSA LINGUA JEJEJEJEJEJEJ UN SAÚDO
 
gustame m8 esta páxina.Aí,que se vexa donde están as rapazas de trazo,e tamén ao ENL.Sodes @s mellores con diferencia. viva TRAZO JODER
 
aí Sofía aí...QUE se vexa ben onde está TRAZO.........................DIOS KE TE CREW.
 
Publicar un comentario



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?