2/17/2006

 

o GALEGO e as leis


O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala. As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades de acordo cos seus Estatutos. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección. (Artigo 3º, Constitución Española, 1978)

A lingua propia de Galicia é o galego. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de coñecelos e de usalos. Os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitaren o seu coñecemento. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
(Artigo 5º, Estatuto de Autonomía de Galicia, 1980)

O proceso histórico centralista tivo para Galicia dúas consecuencias negativas: anular a posibilidade de construír institucións propias e impedir o desenvolvemento da nosa cultura... Sometido a esta despersonalización política e a esta marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna, denunciada xa no s.XVIII polos ilustrados e combatida desde o XIX polor todos os galegos conscientes da necesidade de evitar a desintegración da nosa personalidade. A Constitución de 1978 , ao recoñecer os nosos dereitos autonómicos como naionalidade histórica, fixo posible o inicio da recuperación da nosa personalidae colectiva. Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por ser o núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.
(Limiar, Lei de Normalización Lingüística, 1983)

O galego, como lingua propia de Galicia, é a lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma. Os tópónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.
(Título II, Lei de Normalización Lingüística, 1983)

O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén oficial no ensino en todos os niveis educativos. Os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna. A lingua galega é materia de estudo obrigatorio en todos os niveis educativos non universitarios.
(Título III, Lei de Normalización Lingüística, 1983)

Obxectivos xerais do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega:

1. Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións.
2. Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos.
3. Introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou o cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística.
4. Promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a úa estima e aumente a súa demanda.
5. Dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.
(Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado pola unanimidade dos 55 deputados/as do Parlamento de Galicia, en Setembro de 2004)

Comments: Publicar un comentario



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?